Wednesday 24 de April de 2024

Alumnado de Secundaria do CPI Cernadas de Castro constrúe un muro contra a violencia de xénero na casa do Concello de Lousame


Villaverde asegura que “a educación é a ferramenta fundamental para erradicar unha lacra social como a violencia de xénero”

Un total de 83 rapaces e rapazas de Secundaria do CPI Cernadas de Castro construíron esta mañá un muro contra a violencia de xénero na entrada da casa consistorial de Lousame. Unha actividade na que estiveron acompañados pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde; a concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, e a directora do colexio, Pilar Cobas, así como por un numeroso grupo de profesores/as.

Cada un dos 83 dos “ladrillos” que compoñen este muro contra a violencia de xénero foi elaborado por un/unha alumno/a en base ao traballo levado a cabo estes días nas aulas. Uns “ladrillos” que non son máis que caixas de zapatos decoradas coa mensaxe a prol da igualdade ou contra a violencia machista que cada alumno/a escolleu. O muro estará na entrada da casa consistorial lousamiá ata a chegada do Nadal.

Importancia da educación

Teresa Villaverde amouse convencida de que “a educación é a ferramenta fundamental para erradicar unha lacra social coma a violencia de xénero. Eu creo que a mocidade é o futuro e que ten que facer un mundo mellor. E so o conseguiremos a través da educación en valores dende o colexio e dende as familias. E ensina que cando se di NON é NON. Custa admitir un non, pero iso se aprende dende pequeniño: non a ter un xoguete, non a ter todo o que se queira e non cando unha persoa que está contigo di non”.

Villaverde Pais insistiu en que “o respecto ten que ser a base de calquera relación humana, entre homes e mulleres, entre veciños e veciñas e tamén entre políticos”. Neste sentido, fixo un chamamento a todos os políticos/as de todas as formacións: “se queremos que os novos se teñan respecto, que non haxa violencia de ningún tipo, temos que comezar nós por fomentar que non haxa violencia verbal nin xestual”.

Pola súa banda, Pilar Cobas, explicou que no colexio construíronse outros dous muros “pero pedímoslle ao Concello que nos deixara facer este aquí para que fose visible para todos os veciños e veciñas de Lousame. Cada alumno/a trouxo a súa caixa de zapatos, forrouna con papel e puxo un debuxo ou unha mensaxe para o apoio a todas as mulleres maltratadas e achegar algo contra a violencia de xénero”. Unha actividade que xurdiu do Departamento de Relixión, en colaboración co Departamento de Educación Plástica.

Manifestos

Unha vez rematado o muro, a concelleira de Igualdade deu lectura a un manifesto institucional contra a violencia de xénero no indicou que “o Concello de Lousame quere amosar o seu firme compromiso contra a violencia de xénero, a manifestación máis cruel e inhumana da desigualdade existente entre mulleres e homes no mundo”. Silvia Agrafojo apuntou que “a eliminación da violencia de xénero é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require dunha actuación unitaria e da máxima coordinación, colaboración e cooperación tanto dende o sector público como do privado”.

O acto pechouse coa intervención de tres alumnas e un alumno do CPI Cernadas de Castro que deron lectura a un manifesto elaborado polo alumnado no centro escolar no que destacaron que “a violencia de xénero constitúe un grave atentado directo e inmediato contra a dignidade, os dereitos individuais, a calidade de vida e a saúde física e mental das mulleres. É a manifestación máis extrema das desigualdades de xénero”.

Así mesmo, chamaron a atención sobre que no que vai de ano 43 mulleres e 8 nenas/os foron asasinadas, tres delas en Galicia, “unha situación insostible para calquera sociedade que se considere democrática. Nos últimos tempos fomos avanzando na visibilización dalgunhas violencias machistas, porén temos que seguir avanzando”. Neste sentido, fixeron un chamamento ás institucións a loitar contra todo tipo de violencias, dende as máis extremas que poñen en perigo a saúde física e mental das mulleres, ata a violencia económica por ser as mulleres as que teñen maiores taxas de precariedade e sufrir unha desigualdade salarial.

“Colle o pano que as mulleres limpades mellor. Coas túas tetas e un caldeiro, eu facíame leiteiro. Vaia porca, acabas de manchar a cadeira coa regra. Estás coa regra? Porque vaia humor… Isto é unha recompilación de comentarios que levo escoitando dende que comecei a ESO por parte dos meus compañeiros de clase. Só teño 13 anos pero ás veces sinto demasiada impotencia ante estas opinións que ningunha pedimos sobre o noso corpo”. Así deu comezo unha redacción á que deu lectura unha alumna do CPI Cernadas de Castro, quen continuou dicindo que “moitas persoas pensan que non é importante celebrar o 25 de novembro, pero eu vexo comentarios sexistas e ofensivos no meu entorno e penso que isto se pode converter nalgo peor cando sexamos maiores se esas persoas non toman conciencia”.